(Para ser lido no Teatro Rosalía de Castro da Coruña) Taller, pasos perdidos, azul Celeste Bóveda. Racataprán. ¡Un alto!, berrounos Castromao, e a procesión de mortos detense ó pé do Altísimo. Racha o aire unha fisga, francada lostregante, rebe de medo ó rito a sagra arquitectura. Tranquilos, non foi nada. Tomemos acomodo. Año preto de ladra, cabuxa pecadenta, año ó forno, pascual, quero o óso das chucas. Milady, per piacere, non zurriche na mesa o sangue dos miolos. ¿Estalle bon? Pois chuche, chuche e deixe pró bardo a bala arregañada. ¡Bang! ¡Bang! Me non se afoute: son versos de fogueo. Cairos, poder e gloria, tamén ó pé do Altísimo. ¡Racataprán! Benvinda, Suevia de operativos, Triángulo Garibaldi, Pensamento e Acción, Loxia Curros, Pondal, e Loxia Rosalía, compás, escuadro, estrela, tres luces en triadas que enchantamos na Cruña coma un cervo na torre. A Brigantina intrépida di Gran Loxia Galaica contra Oriente de España e a corna tubular de Aimirgin emerxendo dos toros de Murguía. Ouzo: Orzán, Orzán, que os penascales mordes. Arrota, mar da Cruña, arrota ó pé do Altísimo, trincha co teu tridente nas literatas feas. Milady, ¡outra vez!. Racataprán. Avante. Velaí vén o Futuro si Estado Galaico o sol de Italia antano alumea simbólicos de Casares Calvino e Manín Moreno Barcia enourizando o pútrido salón da Monarquía, abatendo as columnas. ¡Racataprán!, oíde: mandís esfarrapados, bandeiras neboentas, murchas estrelas náufragas e unha rosa aberrante. Na fouce do avó porémo-lo martelo, petán, ¡racataprán! Ei-lo ofertorio impío aquí, ó pé do Altísimo, Altísimo poeta Curros Enríquez lóstrego negro na testa nosa. Céibanos lúa a túa inmensa gargallada. A compaña de mortos na gándara areosa, o Sorga helicoidal..., a loita continúa.
|